Aproin Digital / Gran De Area - Casa da Viña  

Rehabilitación da Casa da Viña
Allariz. Ourense

Arquitectos

Seara Peleteiro Arquitectos

Juan Seara Oro

Berta Peleteiro Varela

Promotor

Juan Ignacio Seara Soto

Contratista

Area Grande, S.L.

Fotografía

Brais Seara Fernández

Un dos primeiros recordos que teño de neno, ten que ver con esta casa. O cheiro dos acios de uvas postos a secar en interminables cordas de rafia inundando aquel espazo xa daquelas medio en ruínas.

Con máis de cen anos, e sendo construída como casa de labranza e adega, sempre foi un lugar máxico, inhabitado, pero incriblemente suxerente , con muros de pedra que xa quixeran moitas fortalezas, simplemente para albergar viño, froita e algún que outro animal, o que nos conecta cunha época na que as prioridades eran ben distintas.

A casa asentábase de maneira maxistral no linde entre tres fincas; un prado, e dúas viñas, unha delas aterrazada arredor dun outeiro, chantada nun enorme penedo que ocupa boa parte da planta baixa.

A planta confórmana tres corpos que parecen nacer da rocha, enfocando cada un a súa finca correspondente. Estes tres corpos configuraban seis espazos (tres en planta baixa, e tres en planta primeira), completamente independentes os uns dos outros, por ese motivo teñen sempre acceso dende o exterior, incluídos os da planta superior, pois tampouco existían escaleiras dentro.

Os espazos resultantes, sobre todos os da planta primeira son dunhas proporcións fóra do común, con teitos de máis de seis metros de altura e sen partición interior algunha. É pois, unha construción moi particular, que se afasta pola súa configuración espacial de calquera vivenda, pero que pola súa calidade construtiva está lonxe dunha edificación de uso agrícola.

Todo isto, unido ca conexión emocional que nos vincula con este lugar, obrigounos a ser extremadamente radicais ca nosa proposta, dende a absoluta convicción de que debemos proxectar pensando non só nas ruinas nas que temos que intervir, se non tamén no valor das ruínas que imos deixar.

Esa radicalidade levounos a plantexar un proxecto escrupulosamente respetuoso ca preexistencia, preto á "non intervención", conseguindo modificar o seu funcionamento interno co menor número de xestos posibles. Foron catro:

  • Apertura de ocos de paso (un en planta baixa, e dous en planta primeira).
  • Aparición dunha escaleira interior labrada na rocha.
  • Execución dun "núcleo" estrutural exento para albergar servizos e instalacións.
  • Apertura de lucernarios en cuberta para mellorar as condicións de iluminación diúrna.

Fuxindo dun plantexamento distributivo derivado da aplicación dun programa funcional, decidimos simplemente interconectar nos menos pasos posibles os espazos existentes, tanto en horizontal coma en vertical.

Os novos usos (cociña, almacenaxe, baño, aseo, cheminea, ventilacións) debían de concentrarse nun novo elemento de carácter singular que permitise cun impacto e custo mínimo articular os espazos, organizar as circulacións, simplificar a estrutura e concentrar o paso e distribución das instalacións, que non tocase ós muros, pero que transmitira unha contundente e sincera materialidade.

O resultado, é unha concatenación moi rica de espazos de diversas proporcións e condicións lumínicas, que engadido á especial relación co exterior e a paisaxe, permite conexións visuais e percorridos infinitos nos que se van descubrindo de vez novos recunchos.

O tratamento interior dos muros recupera o encalado orixinal destas estancias, favorecendo unha certa percepción abstracta dos espazos e intensificando os curiosos efectos lumínicos que xera o ter ocos en todas as orientacións posibles, incluíndo as cenitais e que van cambiando segundo avanza o día.

Arquitectura esencial e complexa, mostrando a súa amable crueza e sendo capaz de reavivar aquelas sensacións primixenias, que dalgún xeito seguen condicionando a miña maneira de apreciala.

Dende hai uns meses, temos a enorme fortuna de vivir diariamente esta casa, que con moito cariño convertemos no noso espazo de traballo, e que nos fai sentir a un tempo moi pequenos como arquitectos, pero á vez, apuntala a nosa convicción de que sempre houbo, hai e haberá espazos xenuínos para a felicidade.