A Xunta de Galicia destina 5,7 millóns de euros a concellos de menos de 50.000 habitantes para rehabilitar e conservar o patrimonio construído

A Xunta de Galicia pon a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un orzamento de 5,7 millóns de euros para financiar, a través de préstamos sen xuros, actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas, así como a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

O Diario Oficial de Galicia publicou o 6 de xullo a Resolución pola que se realiza a convocatoria para o presente exercicio do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes abrirase a partir do 7 de xullo e rematará o vindeiro 1 de outubro ou no momento en que se esgote o crédito orzamentario.

O obxectivo deste Fondo é facilitar que os concellos acometan actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio construído, co obxecto de recuperar ámbitos en estado deficiente de conservación, como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio en aras de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que podan dispoñer dunha vivenda digna e axeitada.

Observatorio da Vivenda de Galicia