viticultura

Miguel Pérez

www.chandevide.gal_

As tintas do Marcelino

Corría a década dos 80 e a Denominación de Orixe Rías Baixas aparecía nun panorama no que outras rexións vitivinícolas de España levaban anos (ou décadas) de vantaxe. Galicia puña máis carne nun asador no que a provincia de Ourense xa ofrecía variedades para todos os gustos e de diferentes cores.

E, por moitas razóns e pode que un pouco de sorte, o Albariño colleu distancia con respecto ao resto de variedades autóctonas das diferentes subzonas da D.O. (a día de hoxe: Soutomaior, O Salnés, Ribeira do Ulla, O Rosal e Condado do Tea).

O seu carácter fresco, salino na súa variante máis recoñecida e a súa boa combinación con pratos de mar fixeron del un gran acompañante en todo tipo de eventos. Galicia en xeral e a provincia de Pontevedra en concreto apareceron no mapa mundial dos viños. E que quede claro, iso debe ser un motivo de honra para todos en cada un dos galegos, gústenos o Albariño ou non.

Que pasou sobre o terreo tras ese boom “albariñés”? En moitas partes, de punta a punta da Denominación de Orixe, se comezaron a cortar polo pé cepas de outras variedades, fosen ou non autóctonas. Como quen fai uns anos apostaba polo ladriño, fai dúas décadas viuse no Albariño un cabalo gañador, o que ía quitar de pobre a todo habitante do rural que tivera onde plantalo.

Certo é que se quitou da viña moita variedade foránea que ata entón fora habitual (uva catalán, Moscatel, Xaque…), pero tamén se botou por terra Treixadura de calidade, Loureira que co tempo se cotizaría tanto ou máis que o Albariño… e as variedades tintas dos avós. En moitos casos, cepas centenarias, que sobreviviran á filoxera que case deixa sen viñedo a Europa no século XIX. Variedades que a piques estiveron de desaparecer a causa desa galiña de ovos de ouro chamada Albariño. O Pedral é probablemente a que estivo máis en risco, manténdose a día de hoxe moi poucas cepas orixinais e estendéndose cada vez máis, por sorte, a súa recuperación e revalorización.

Pero non toda a masa viticultora rendeuse ante a tentación. Sobre todo na subzona do Condado do Tea (concellos de Arbo, Crecente, Salvaterra e As Neves principalmente), souberon respirar fondo e ver máis alá. Probablemente axudou que o minifundio típico desa zona da ribeira do Miño tampouco era propicio a crear grandes extensións e polo tanto ganancias derivadas da plantación do Albariño. Pero aparte diso, foi determinante o amor polo herdado, polo que se sabía plantado por pais e nais, avós e avoas. Grazas a ese respecto pola tradición gozamos a día de hoxe de fantásticos Condados, tintos e brancos, resultantes de combinar diferentes variedades e con distintas proporcións de ano e ano. Nunca hai dous Condados iguais, nin comparando colleitas nin comparando adegas. Porque cada colleiteiro, cada bodegueira, ten a súa combinación estrela.

Porque a uva do avó Marcelino, ao igual que a uva de tantos outros avós e avoas, merece pasar de xeración en xeración e ser testemuña de moitas celebracións e froito prezado de moitas vendimas.

Grazas por iso a adegas como Chan de Vide, que a pesar de chegar a un mundo onde grandes marcas parecen copar a carta de viños con variedades recoñecidas e facilmente comerciais, loitan por combinar a frescura dun bo Albariño de interior coa personalidade e mestura de matices que ofrece un Condado tinto. O mundo é para a xente valente!