Aproin Digital 126 / Instalaciones Eléctricas  

INSTALACIONES ELÉCTRICAS

Manoel Dacosta

perito industrial pola eueti de vigo_

 
 
 

Novas solucións para vellos problemas:
os dispositivos de detección de fallas de arco (1)

Aló polos inicios do século XX, unha nova marabilla, froito do progreso industrial comezou a introducirse nas vivendas dos mais afortunados, substituíndo as vellas e inseguras luces de gas: as novas lámpadas eléctricas do Mago de Menlo Parck, Tomas Alva Edison.

A mais dun maior fluxo luminoso e a substitución dun proceso altamente demandante de osíxeno, a combustión dun gas, por un que non o necesita, a incandescencia, estas novas fontes de luz ofrecían unha substancial mellora na seguridade nas vivendas, pois as instalacións de gas eran o orixe dun alto porcentaxe dos incendios nas vivendas que tiñan estas instalacións.

Edison e os seus socios, entre eles o banqueiro Morgan, entenderon que todo axudaba, pero que o motor a gran aposta da introdución da enerxía eléctrica na vivenda era precisamente esta medra de seguridade; ninguén estaba disposto a que un lume acabara cunha parte importante dos bens e aínda os recordos, acumulados ao longo dos anos. Deste xeito a grande aposta da enerxía eléctrica fronte as outras alternativas foi, dende os seus inicios, a mellora da seguridade das instalacións eléctricas de xeito que en ningún caso puideran ser orixe dun lume, nin vector da súa propagación.

Mirando as cousas cunha certa perspectiva histórica é certo que a alternativa eléctrica mellorou moito a seguridade das persoas e dos bens, pero a situación actual, na que a electricidade é, na práctica, a única enerxía distribuída no fogar, a porcentaxe de lumes que a teñen no seu orixe non pode levarnos a pensar que non se pode ir mais aló, na mellora do control das fallas nas instalacións eléctricas.

E, preguntaredes, cal é esta situación? Pois as estatísticas mais actuais das que dispoñemos indican que a electricidade está na orixe do 20% dos incendios con vítimas mortais en edificios e do 16% no caso das vivendas. E moito, pero seguro que menos do que pensabades antes de mirar os números.

É evidente que para mellorar esa porcentaxe debemos estudar o mecanismo, ou mecanismos, polos que unha instalación eléctrica da orixe a un lume. Métodos como fumar moito mais, converternos en pirómanos ou calquera outro que faga medrar os porcentaxes das outras orixes, están enerxicamente desaconsellados.

Agora un pouco mais en serio. Se facemos caso dos periodistas e aínda dalgúns, demasiados, profesionais implicados na construción, a orixe da maioría dos lumes nos fogares son os curtocircuítos. Así, sen mais.

Lembremos que un curtocircuíto é unha diminución brusca e irreversible da impedancia dun circuíto. Ou dito, de xeito mais coloquial, que a corrente en troques de circular polo camiño previsto que inclúe o consumidor toma un camiño mais curto. Como o sistema eléctrico é un sistema gobernado pola demanda, a corrente que circula por ese circuíto curto e bruscamente moito maior, tan grande como a que poida fornecer a fonte a ese punto. E iso é moito; en ocasións ata mil veces mais!

Cando se analiza un pouco mais a teoría do curtocircuíto comeza a mostrar á súa debilidade.

─Vale. A orixe foi un curtocircuíto, pero, cómo se orixinou ese curtocircuíto?

E aínda mais. Se repasamos o Triángulo do lume, e outorgamos nomes propios a canda seu dos lados, o comburente sería o osíxeno e a enerxía de iniciación da reacción o curtocircuíto, pero, quen sería o combustible? Os illamentos dos cabos e os materiais da canalización eléctrica? E cal sería o mecanismo polo que un fenómeno violento, iso si, pero necesariamente moi breve, da orde dos milisegundos por mor da actuación das proteccións, consegue mudar unha cantidade abondo de material de estado sólido a estado gas? A non esquecer que o combustible ten que estar en estado gasoso para poderse combinar co comburente e, o que chamamos Triángulo do lume é na realidade un tetraedro no que a cuarta cara expresa a posibilidade de que a reacción de oxidación se poida manter no tempo.

A estas alturas da lectura, comezamos a pensar que hai certas posibilidades de que sexa certo aquilo de que a teoría do curtocircuíto non o explica todo, mais para chegares ao coñecemento dos mecanismos polos que unha instalación eléctrica pode orixinar un lume e, sobre todo, das formas de o empecer, necesitamos un pouco mais de espazo. Polo que, se vos presta, deixámolo por hoxe e como se isto fora unha novela de misterio poñemos aquí o...

(Continuará …)