Aproin Digital 129 / Instalaciones Eléctricas  

instalaciones eléctricas

Manoel da Costa

perito industrial pola eueti de vigo_

 
 
 

Novas solucións para vellos problemas: os dispositivos de detección de fallas de arco (2)

Comentabamos no artigo anterior a grande importancia que a medra da seguridade das persoas e dos bens tiña para o triunfo da enerxía eléctrica na vivenda por riba doutras alternativas enerxéticas. Para esta seguridade era fundamental o deseño e instalación de aparellos que vixiaran os parámetros da subministración e cortaran automaticamente a fonte de alimentación no caso de que unha anomalía perigosa fora detectada.

Nunha instalación ben deseñada e ben explotada a calor xerada pola circulación da corrente eléctrica por un condutor non perfecto se disipará eficazmente no medio, determinando unha temperatura totalmente segura para os compoñentes desa canalización. Os problemas comezarán, ben cando a corrente demandada polos consumidores conectados a esta canalización eléctrica, en adiante CE, sexa maior que a asignada para o seu correcto funcionamento ou ben cando, por calquera motivo externo ou interno á CE, se produza unha falla no circuíto eléctrico que dea coma resultado unha maior xeración de calor.

Para evitar os problemas producidos polo exceso de potencia conectada a unha CE, a conseguinte medra da cantidade de calor producida polas perdas, e a elevación de temperatura dos materiais da propia CE e do seu entorno, os primeiros deseñadores das instalacións eléctricas dispuxeron uns elementos de protección no circuíto deseñados de tal xeito que ao chegares a unha certa temperatura, proporcional á intensidade da corrente que circulaba ao seu través, fundían, perdendo a súa continuidade eléctrica e interrompendo o funcionamento do circuíto.

A función destes elementos, denominados xenericamente fusibles, é asumida na maioría dos casos pola parte térmica dos pequenos interruptores automáticos, PIA, das instalacións, e cabe dicir que é unha protección que integra non soamente o valor instantáneo da corrente senón, coma é lóxico cando o que se trata de vixiar é a cantidade de calor, do tempo no que dita condición mantense. Isto fai que, intentando abranguer a todas as proteccións que cumpren esta función estean baseadas no principio no que estean baseadas, as denominemos Proteccións tempo/dependentes.

Para o segundo caso, a xeración brusca dunha gran cantidade de calor nun punto do circuíto eléctrico debida a unha falla, os elementos de protección antes descritos, os  os fusibles ou “plomos”, baseados na interrupción controlada do circuíto por medio da fusión, eran igualmente axeitados a tal propósito.

Na actualidade esta función é asumida pola parte magnética dos pequenos interruptores automáticos, PIA, das instalacións, e son sensibles exclusivamente ao valor instantáneo da corrente, independentemente do tempo no que dita condición mantense. Por esta razón, e mantendo o criterio de abranguer baixo o mesmo concepto a tódalas proteccións que cumpren esta función isto as denominamos Proteccións tempo/independentes.

En tempos moitos mais achegados  época actual descubriuse que no sistema de distribución pública en BT normalizado en España, o TT, a falla de illamento nun dos condutores activos podería dar lugar a que as masas metálicas accesibles puideran adquirir unha diferenza de potencial con respecto da terra que puidera ser perigosa para as persoas, ou dar lugar á aparición de puntos quentes que deran orixe, baixo certas condicións, á aparición de incendios.

Posto que estas correntes de derivación que tomaban un camiño inadecuado para retornar á fonte eran, no sistema de distribución TT, do orde dos amperes ou dos miliamperes, os elementos de protección antes citados baseados na superación dun certo valor considerado como normal da intensidade da corrente demandada deixaban de ser eficaces. Nin a seguridade das persoas, electrocución, nin a dos bens, lumes, podían ser garantidas.

Alguén debeu recordar entón que cando abrazamos tódolos condutores activos dun sistema cunha pinza amperimétrica o resultado é sempre igual a cero, porque, coma nos ensina a Teoría de Circuítos:

nun circuíto san, a suma complexa das correntes que circulan polos condutores activos dun sistema, dous nas subministracións monofásicas e tres o catro nas trifásicas, é igual a cero.

Baseado neste principio deseñouse un novo aparato de protección baseado no feito de que a igualdade deixa de ser tal cando a corrente que retornaba á fonte polo condutor de protección, tamén chamado de terra. Este aparato non é outro que o ben coñecido diferencial, cuxa denominación mais correcta é a de Dispositivo Diferencial Residual, e DDR o seu acrónimo.

Coa introdución desas tres tecnoloxías de control das sobreintensidades a seguridade das instalacións mellorou de tal xeito que durante moitos anos estivemos convencidos de que poucas cousas mais, cuns custes razoables, podíanse facer para reducir aínda mais os riscos asociados á presenza da enerxía eléctrica no fogar.

Mais a electrónica estaba disposta a demostrar que non estabamos no certo. Aínda que, agora que comprobo o contador de palabras, vexo que iso vai se-lo tema para o vindeiro artigo.

(Continuará …)